Este verán atopar traballo na «nova normalidade» pode ser un reto, pero potenciando as túas aptitudes e habilidades seguro que consegues ese emprego que tanto queres. Dámosche as claves!
Moitas persoas iniciarán a procura de traballo nun mercado laboral que, a día de hoxe, aínda é incerto. Se este é o teu caso, este artigo interésache!
Como afrontar a procura de emprego na nova normalidade
Na “nova normalidade” algunhas habilidades serán máis demandadas que outras.
As competencias dixitais. A dixitalización das empresas foi un factor clave no desenvolvemento da actividade de moitas delas durante a crise, polo que o feito de manexarse ben en contornas dixitais será clave para a contratación.
A resiliencia será outra das habilidades máis valoradas. Ser capaz de adaptarse rapidamente a calquera situación, aínda que esta sexa descoñecida, e saber sobrepoñerse de maneira rápida e efectiva, é algo que, despois da situación acontecida, resulta clave para as empresas.
A proactividade e o traballo en equipo foron, desde antes da crise, dúas habilidades moi valoradas polas empresas. Cooperación e boa predisposición van máis ligados ao éxito do que poidas imaxinar. Ademais, co teletraballo púxose en evidencia que a unión das persoas membros dun equipo, mesmo a distancia, pode lograr grandes e eficaces resultados.
Sectores beneficiados pola tempada estival
A pesar de que o coronavirus destruíu miles de postos de traballo e negocios, moitos xa comezaron a recuperarse, e iso significa que comezarán a demandar profesionais para lograr o impulso que necesitan. A estacionalidade dalgúns sectores ampliará a demanda de profesionais, agora que as restricións de mobilidade xa quedan atrás.
O comercio e a hostalería, dúas dos sectores máis afectados durante esta crise, xa abriron as súas portas e comezan a súa recuperación. O turismo será clave para propiciar a súa reactivación.
Durante estes meses aumentarán as demandas de profesionais relacionados especialmente co sector alimentario, como persoal para repoñer en supermercados.
O sector loxístico segue en auxe e continuará requirindo unha gran cantidade de profesionais para postos dentro de almacéns, así como condutores e repartidores.
Nos servizos de limpeza tamén seguirán necesitando un gran número de persoas como xa ocorreu durante os últimos meses. Coa apertura de moitas instalacións e a maior afluencia de persoas, este sector terase que ver reforzado coa incorporación de máis profesionais. Será ademais un sector clave para o mantemento das condicións hixiénicas, imprescindible na loita contra o virus.